É fútbol, só bo fútbol

Aos que nos gusta o fútbol, e non temos complexos en seguilo domingo a domingo, o campionato acadado polos rapaces de Luis Aragonés foi un acto de xustiza deportiva. Un xogo intelixente e paciente, baseado na elegancia no control e condución da pelota, e un esforzado compromiso de todo o grupo de xogadores na presión defensiva, como mellor estratexia de xogo, amosan que este pode chegar a ser un deporte ben fermoso. O xogo marabilloso de rapaces –como o galego Torres, o noso admirado Silviña ou os cataláns Xavi Hernández e Cesc Fábregas, demostra que a cerna deste deporte de equipo reside na procura concienzuda do instante decisivo, eses dous ou tres segundos nos que se acende a faísca da beleza do gol. Porén, os excesos, os ditirambos ou a pailanada do nacionalismo españolista na celebración desta vitoria son atribuíbles ao fracaso histórico dunha idea monolítica de España, que non acaba de cuallar. O triunfo do equipo multinacional de Luís foi do fútbol, só do bo fútbol. Deixémolo aí.

Noticias felices

A posibilidade de que o Senado rumano estableza nos medios de comunicación unha cota do 50% para as noticias felices non debería ser considerada tan escandalosa como a primeira vista semella. En realidade esta cota, sen lei ningunha que a ampare, xa se supera diariamente en Galicia nos espazos destinados á información institucional. Un caso, o galego, que non é único en España, como ben se pode comprobar visitando outros espazos semellantes. Non deixa de sorprenderme que aquí non se fagan brincadeiras sobre esta cuestión (non entro nos criterios dalgúns medios privados) e, porén, nos escandalicemos coa inxenuidade destes rumanos que pretenden impoñer a felicidade dende os escanos parlamentares. En Internet xa hai espazos especializados só en “boas noticias“. Outro problema ben diferente é determinar cáles son as noticias felices?

"Editores do século XXI" (II), Sara Lloyd

Do manifesto de Sara Lloyd, do que falamos na anotación anterior, interesáronme, sobre todo, as respostas que proporciona á pregunta: que papel terán neste contexto, se lle queda algún, os editores do futuro?
Para a editora de Pan Macmillan a saída (difícil) está en que os editores recuperemos o noso papel de intermediación (algo que cos medios dixitais xa non é imprescindible) centrándonos “en desenvolver un coñecemento especializado en nichos verticiais, aproveitando o ‘nicho profundo’ que se atopa na longa cola de Internet”. […] Neste contexto, os editores centrarían o valor en torno a súa pericia técnica no tema ou o xénero e o seu coñecemento íntimo e directo do mercado, proporcionando funcións editoriais e de comercialización máis alá das meramente ‘técnicas'”. Lloyd propón, en definitiva, que os editores recuperemos azos nas actividades de promoción e mercadotecnia: “se queren convertirse nunha ponte eficaz entre autores e lectores, os editores terán que introducirse máis no espazo do vendedor final e desenvolver relacións directas cos consumidores do seu contido”. Ou noutras palabras, aínda máis clarificadoras: “calquera que sexa a forma que adopte o futuro, semella que os editores non van sobrevivir a menos que recuperen algunhas das funcións que cos anos foron cedendo a outrso elos da cadea de distribución”.
Outra posibilidade de supervivencia dos editores atópaa Sara Lloyd na posibilidade de dixitalización dos nosos arquivos impresos e na posibilidade de acceder a eles (un labor que quizais poidan facer en mellores condicións que megacorporacións como Google books), sexa por medio da venda e promoción de libros impresos (baixo demanda) como en formato dixital. Coincido de cheo coa Lloyd que nun contexto deste tipo, hoxe xa é imprescindible que os editores utilicemos a fondo as posibilidades da comunicación editorial dixital: sementando na rede sistematicamente capítulos de mostra, entrevistas en audio e vídeo ao autores, novas das súas aparicións públicas, enlaces a artigos…
Traduzoo derradeiro parágrafo do manifesto, no que Sara Lloyd condensa boa parte da súa achega prospectiva:

“Sexa como for, para que os editores superen os seus límites tradicionais e se convertan nas empresas editoras do mañá, cómpre unha mudanza de paso na súa forma, a súa cultura e o seu enfoque. As estratexias de publicación dixital terán que pasar de defensivas e protectoras a creativas e liberais, cunha atención especial en permitir que os lectores compartan e modifiquen o que len. Un afastamento do texto como centro exclusivo da súa actividade en dirección aos formatos multimedia ,sen dúbid,a será clave, e isto terá repercusións no tipo de dereitos que editores deberán negociar, así como nas habilidades que requirirán os seus empregados. Os editores terán que verse como configuradores e facilitadores en vez de como produtores e distribuidores, adoptando un enfoque baseado no proxecto máis que no produto e aceptando que a súa posición é meramente a dun elemento compoñente dunha circularidade entre lector, escritor e editor. Os editores deberán adoptar novos modelos de negocio, e quizais deban mesmo trasnformarse en empresas multimedia en vez de empresas editorais. Terán que comprender aos seus lectores, coñecelos e conectar con eles dun xeito moito, moito mellor, e deberán cultivar marcas que confiran maior prestixio aos autores e que impliquen uns valores que atraian aos lectores en torno a nichos identificables. En último termo, quizais deban prepararse, máis cedo ca tarde, para unha loita a morte non só cos actuais partners da cadea de distribución do libro senón tamén co competidores non tradicionais que xa están devorando a toda velocidade o espazo que ata hai pouco estaba reservado aos editores.”

"Editores do século XXI" (I), Sara Lloyd

Sara Lloyd, editora de Pan Macmillan, ven publicando no blog da súa editorial diversas anotacións baixo o título de “Manifesto dunha editora para o século XXI”. Por polémicos que algúns lles poidan parecer estes textos prospectivos (poden baixarse no blog Soybits), merecen a maior atención de todos os que nos ocupamos no noble oficio da edición, xa que sinalan algunhas tendencias sobre a evolución do sector internacional.
Citamos algunhas das tendencias que sinala Lloyd, tratando de responder ás pregunta: quen necesita hoxe os libros, quen necesita aos editores?, como terán que evolucionar os editores se queren manter algún papel na cultura da lectura e a escritura do futuro?
  • As vendas en papel impreso descenden. Nos Estados Unidos a competencia lectora e o grao de lectura voluntaria dos mozos de materiais impresos amosan unha tendencia decrecente.
  • O tempo de lecer dedícase cada vez menos á lectura de libros e á televisión e máis á rede.
  • Internet está mudando a estrutura liñal da cadea do libro [na que o editor sentíase seguro, producindo, almacenando e distribuíndo o seu produto] e comezando a introducir a circularidade da rede. Comézase a propoñer a desintermediación dos editores e o seu papel na distribución.
  • Os editores deben pensar menos en produtos e máis en contidos. Os libros terán cada vez bordes máis porosos.
  • Os lectores van ter un papel máis protagonista no futuro.
  • Os editores terán que convertirse en posibilitadores de lectura e dos procesos relacionados con ela.
  • Cómpre atender ao fenómeno da conectividade da lectura dixital.
  • A lectura é unha actividade menos pasiva e solitaria do que xeralmente se afirma.
  • Os editores terán que proporcionar as ferramentas de interacción e comunicación entorno ao contido dos libros e amosarse activos nos espazos dixitais (blogs, foros dixitais, redes sociais, wikis…) onde os lectores discuten e interactúan co contido. Ese é o fenómeno que podemos denominar “libro en rede” ou o “libro como software social”.
  • A cadea de valor desprázase dende o modelo “contido/distribución” a outro que valora só o “contido”
  • Aos consumidores de libros impórtalles cada vez menos a marca do editor. Algúns autores son marcas, mais os editores son completamente invisibles para os lectores.
  • Os editores terán que abandonar a súa torre de marfil e traballar conxuntamente en plataformas multieditoriais, sobre todo no eido educativo.
  • A xeración de nativos dixitais están pasando moi rapidamente da “cultura download” á “cultura upload”. Isto ten importantes efectos sobre a súa concepción da lectura.
  • A búsqueda e o acceso á rede serán as claves da nova lectura dixital, as descargas terán un papel irrelevante.
  • A pregunta clave é: como lerán en pantalla os lectores do futuro? que papel terán neste contexto, se lle queda algún, os editores do futuro?
O texto de Lloyd é fulcral no debate sobre o futuro da edición. Volveremos sobre el en novas anotacións, nas ue abordaremos a resposta que a editora estadounidense proporciona a última destas preguntas. Recoméndoo moi vivamente a lectura demorada destes dezasete folios que teñen moito contido.

Xurxo Patiño, novo presidente da Federación de Libreiros

A Federación de Libreiros de Galicia elixiu nova xunta directiva. Durante os vindeiros catros a federación será presidida por Xurxo Patiño, o noso bo amigo e responsable da Libraría Librouro de Vigo. Xaime Corral, brillante presidente durante case unha década, continúa na directiva como tesoureiro. Non hai dúbida que este novo equipo de libreiros galegos do sur, onde tamén están Arximiro Blanco e Benxamín Riobó, ten importantes retos que enfrontar neste momento de difícil reconversión do conxunto do sector do libro (e moi especialmente da súa distribución e comercialización). Os nosos mellores desexos de éxito para todos eles catro.

"Festina lente", estrea en Compostela

Onte acompañamos a Marcos Calveiro na primeira presentación de Festina lente, realizada no obradoiro de encadernación da Libraría Couceiro compostelana. Hoxe aparecen catro entrevistas nos medios nas que Marcos salienta o valor dos libros como poderosas armas de coñecemento contra a intolerancia e o carácter da novela como fresco histórico da Compostela dacabalo dos séculos XVI e XVII. As primeiras referencias de lectura que estamos recibindo son inmellorables, na liña da nosa intuición. Seguiremos presentando a novela na Feira do libro de Vigo, no Festigal e na Feira do libro da Coruña.

Aconsello visitar o blog da novela.