Escaparate 19/2014: Libraría Pedreira (Feiras do Libro)

Anton_Pedreira_FL_Vigo_29-05-2014

Antón Pedreira detrás do mostrador da Libraría Pedreira de Vigo na Feira do Libro de Vigo. Foto tirada do Facebook da Libraría Pedreira de Santiago.

Onte 991: Tarde en Soutomaior

Soutomaior_30-05-14_Foto_G_SanctorumNo acougo do formidable castelo de Soutomaior, ao pé do máxico monte da Peneda e co arrecendo do fondo da ría, tras o convivio dun xantar farturento e sabedeiro, os tres xurados dos premios Xerais 2014 escolleron as obras finalistas. Para min é un dos momentos inesquecibles de cada ano na editorial, unha tarde de intenso traballo dos xurados, alongada onte inusualmente, destinada a compartir as súas horas e horas de lectura en soidade. Sei que a experiencia destes xurados formados por lectoras, que Xerais convoca dende hai máis de dúas décadas, é xeralmente feliz para as participantes, aínda que nunca sexa para elas doado o momento de escoller. Nesta edición o predominio das lectoras nos xurados é moi claro, apenas 4 homes de 18 persoas, o que expresa o proceso de clara feminización da lectura literaria en Galicia. Un feito que debe ser destacado. O vindeiro sábado, 7 de xullo, coñeceremos os ditames dos xurados, tras unha semana de relectura das dez obras finalistas. Ler e reler.

Grazas a Gracia Sanctorum pola fermosa foto e pola axuda proporcionada.

Onte 990: Preferentistas

Preferentistas_29-05-2014No serán de onte vin a enésima manifestación dos preferentistas diante da porta da sede da Caixa en Vigo. Non chegaban a un cento. Berraban e berraban: «Hasta los cojones de estos ladrones», «Si se puede, si se puede…». Faro anuncia esta mañán a disolución das plataformas de Vigo e da Coruña, «ao considerar que a maioría dos afectados recuperaron os seus aforros», así como a preparación das súas mobilizacións de despedida antes da disolución. A loita dos preferentistas estafados por xestores das caixas sen escrúpulos, os mesmos que levaron ás entidades á desfeita, como a loita dos membros das plataformas contra os desafiuzamentos, foi un esforzo que non resultou inútil. A súa resistencia pacífica, teimosa e creativa fronte estes abusos permite enxergar un horizonte de esperanza. Que a maioría recuperasen os seus aforros, ainda que non está pechado o conflito, demostra a utilidade desta resistencia ghandiana.

Onte 989: Pedro Petouto en Vigo

Pedro_Petouto_28-05-2014

Excelente presentación na Feira do libro de Vigo da quinta edición de Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo, o libro narrativo de Xesús Alonso Montero, actual presidente da Real Academia Galega. Iniciou o acto o profesor Modesto Hermida que abordou os valores literarios dunha obra que definiu como «pequenísimo libro, compendio xigantesco de principios ao xeito dun certo catecismo laico». Para Hermida «Pedro Petouto é un texto narrativo con todas as da lei, non exento de intensa liricidade. Un libro no que se sintetizan as inquedanzas de Xesús Alonso Montero da literatura social, da literatura como servizo á cultura». Tras referirse a intriga suscitada no seu momento pola utilización por parte de Alonso Montero deste heterónimo e citar as valoracións que de Pedro Petouto fixeran autores oomo Víctor Freixanes, Fernando Salgado, Claudio Rodríguez Fer e Victoria Ruíz de Ojeda, establecendo a súa relación co Juan de Mairena de Antonio Machado, rematou Modesto definíndoo como «libro narrativo, comprometido e entrañable». Interviu despois o profesor Antón Costa que leu un moi fermoso texto no que demostrou a existencia de Pedro Petouto, froito das súas investigacións no eido da Historia da Educación.

XG00225401Comezou o seu discurso o profesor Alonso Montero salientando que o gran texto literario de Antón Costa merecería ser incorporado polo editor como anexo en futuras reedicións de Pedro Petouto. Despois lembrou a Ramón Acal, o editor da primeira edición do libro na colección Arealonguiña na editorial Akal: «Ramón Acal é un dos tipos máis listos que deu Europa. Un home moi culto que sabe o que hai que editar para vender e para influír na sociedade». Lembrou despois o profesor as edicións anteriores da obra, tanto as tres consecutivas sinaladas por Akal en 1974, como a realizada en 1999 pola Fundación 10 de marzo en colaboración coa Universidade de Compostela, cando aínda era profesor da facultade de Filoloxía. A seguir, don Xesús lembrou que os primeiros capítulos foran escritos e publicados no ano 73 no semanario vigues El Pope, no que traballaba Xosé Armesto Faginas, «un home, bo, xeneroso, extraordinario, que merece todo o noso recoñecemento e lembranza».

Alonso explicou as razóns polas que escribiu Pedro Petouto, que non foron outras que para eludir a censura. «Todos os que escribiamos no franquismo tiñamos unha certa habilidade de autocensurarnos para evitar a consulta voluntaria establecida por Fraga Iribarne. Eu daquela estaba na miña etapa de fervor marxistizante e pensei que inventando o personaxe deste mestre subverisvo podería dicir algunhas cousas. Fixen algunhas afirmacións de tipo socialista que nun artigo asinado pola miña pluma non sería permitidas». Aclarou, don Xesús, que se ben Pedro Petouto fora unha invención súa, o nome si que existiu. «Un canteiro chamado Pedro, que tiña por alcume “Petouto”, foi o que preparou a cantería da casa nosa da Grova, que habitamos dende 1941. Era un comunista das silverias, convencido de que non debía haber pobres». Referiuse a adicatoria da primeira edición, que conserou en todas as posteriores, a catro figuras extraordinarias do movemento obreiro galego e a un cura da montaña lucense comprometido coa xustiza. A seguir debullou como levou a Pedro Petouto polos camiños da literatura, facéndoo participar no segundo enterro de Rosalía, no banquete de Conxo sendo un adolescente ou a ler ao Unamuno socialista. Por último, Alonso Montero confesou a súa devoción por Antonio Machado: «Se hai un escritor para min, ese é Antonio Machado, o seu verso e a prosa de Juan de Mairena, un dos grandes libros da prosa española do século XX. Ademais admiro de Machado a exemplaridade da súa biografía. Non dubido que é o escritor que maís influíu en min, mesmo por riba de Rosalía ou de Curros».

Onte 988: O fío do vermello de An Alfaya

Presentacion_O_fio_vermello_27-05-2014

A editora Helena Pérez e o escritor Antón Garcia Teijeiro presentaron onte O fío vermello, o libro máis recente de An Alfaya publicado por Xerais na coleccíon Merlín. Comezou o seu discrso Antonio expresando a sua convicción de que a literatura debe estar cerca dos nenos, dos lectores en formación. Confesou sentirse identificado coa concepción da literatura de An Alfaya: «unha autora que ten unha voz propia, non fai concesións, sabe que nunha novela ademais da trama son moi importantes os personaxes e os seus sentimentos». «An Alfaya escribe literatura de personaxes, interésanlle máis as emocións que os feitos. An ten un espírito de escritora comprometida coa literatura». Comentou, despois, O fío vermello, que definiu como «novela de personaxes moi vivos, personaxes que representan o amor, a superación, a amizade e a tenrura». «”O fío vermello” é, tamén, a metáfora da dignidade de Carlo, o rapaz que se pecha na terraza onde escruta o firmamento agardando pola chegada do seu irmán. É a metáfora da acción, do desexo de actuar sen renunciar a súa convicción». Rematou as súas palabras Teijeiro cualificando O fío vermello de «libro enxeñoso, comprometido co ser humano, un libro de altura, escrito con claridade e intelixencia. Non se pode dicir máis, só cómpre lelo».

Comezou An Alfaya as súas palabras dicindo que para ela non hai temas para nenos e outros para adultos, «só cómpre facer un esforzo para achegarse aos nenos e adolescentes». Confesou que lle interesaban as aventuras emocionais, «preocúpame o que lle fai sufrir ás persoas, eses conflitos que cómpre sacar fóra». «Sei que algúns dos meus textos poden ser considerados duros xa que se tratan temas duros, porque non toda a realidade é guai», engadiu. Enumerou algúns deses temas abordados en libros anteriores, a Sida n’ O caderno azul, a soidade dos sen teito en Illa soidade, a nai na cadea no Aroma do liquidambar, para referirse, despois, O fío vermello, «unha novela protagonizada por un neno decepcionado polo mundo adulto, que cando recibe unha grande mentira decide rebelarse de forma pacífica, decide pecharse nun lugar e non falar nunca máis, un xeito de tirar do nobelo que teñen que resolver os adultos». «Un personaxe, Carlo, que necesita unha fuxida, cara o mundo dos soños, que atopa nas estrelas fugaces, as Perseidas, ás que pide un desexo que no plano da razón non se pode cumprir».

Magnífica presentación seguida por un numeroso grupo de persoas que ateigaron a carpa da Feira do Libro viguesa nun serán chuviñento.

Escaparate 18/2014: Librería Miranda (Bueu)

Lbreria_Miranda_27-05-2014

Escaparate da Librería Miranda de Bueu con motivo da presenza de Marcos Calveiro no Colexio Montemogos de Beluxo. Foto tirada de Fb o 27 de maio de 2014.

Onte 987: Podemos gaña en Navia

Europeas_2014_Vigo_distritosO feito de que Podemos gañase as Europeas en Navia non debe pasar desapercibido. Esoutro novo Vigo, un polígono de vivendas de promoción pública e cooperativa, cunha poboación que ten a media de idade máis baixa de Galicia, está chamado a marcar as tendencias do voto da xeración de menores de 40 anos. Nas últimas Autonómicas en Navia gañara AGE, formación que nas eleccións do pasado domingo ocupou a segunda posición. É un feito para a reflexión que o PSOE, partido que tradicionalmente lidera o voto no veciño barrio de Coia, sexa en Navia terceira forza política, mentres que PP e BNG ocupan as últimas posicións. Non semella un disparate considerar a hipótese de que Navia sexa un distrito que adianta o comportamento electoral do futuro voto urbano. A ter en conta nas análises que se está facendo sobre os resultados electorais na cidade de Vigo, onde o taboleiro revolcouse unha barbaridade.

Catro décadas na Alameda

No artigo da semana en Faro de Vigo animo a participar na Feira do Libro de Vigo que se celebra esta semana na Alameda de Vigo.

Alameda_de_Compostela,_VigoTeño querenza pola Feira do Libro que se celebra nos xardíns da praza de Compostela. O venres inaugurouse a cuadraxésima edición na que se abandona a súa tradicional convocatoria na primeira decena de xullo. Novas datas de primavera para unha feira que no entorno da crise económica e do proceso de hibridación da industria editorial precisa azos e iniciativas renovadas, como o festival de música infantil galega, iniciado con enorme éxito a pasada edición, para seducir ao lectorado de todas as idades.

Parte do engado da feira do libro viguesa ten que ver coa súa ubicación privilexiada na Alameda, o máis fermoso dos parques urbanos vigueses, construída hai máis de cento cincuenta anos en terreos gañados ao mar e urbanizada ao abeiro do plan do ensanche de García Olloqui de 1870. Baixar á feira do libro supón regresar a un espazo da miña infancia onde difícil é non lembrar a presenza de Camilo e a súa barquilleira, o home do parisién, ou daqueles gardas de xardíns que rifaban se pisabamos algúns dos parterres presididos polas esculturas de José Luis Medina do oso, do cisne, da hiena e do caracol ou polas alegorías da paz, da maternidade e do mundo do traballo que cicelaran as mans do pai de Camilo Nogueira. Como é imposible esquecer aos fotógrafos de minuto que alí traballaban, agardando pacientes pola súa clientela de jichiños e namoradas que xuntaban as súas miradas dentro dun corazón diminuto de papel. Nin aqueloutros “retirados”, así os bautizaba a miña avoa, que pasmaban nos bancos, atentos á chegada dos músicos da banda municipal dispostos a interpretar o seu concerto popular diante do estanque onde un alcalde franquista quitou a estatua de Curros Enríquez.

A Alameda viguesa, concibida como un espazo urbano de privacidade, continúa sendo, a pesar dos seus achaques, un lugar acaído para camiñar, xogar, conversar, descansar, namorar ou ler no centro de Vigo. A nosa Alameda, ao pé do buligar da ribeira, onde se mesturan as fragrancias do xardín e da maruxía, sempre foi espazo de serenidade, un remansiño para vivir con acougo. Razón pola que dificilmente poderíamos atopar un sitio máis acaído que a sombra destas castiñeiras de indias e magnolias para gozar do aroma dos libros, do noso primeiro pan da cultura; un lugar ideal para instalar este improvisado corredor de lectura que cada ano durante dez días purifica o aire da cidade.

Escoller esta ubicación ideal para a feira do libro, foi iniciativa ventureira que lle debemos a don Antón Patiño Regueira, o inesquecible libreiro de Librouro, o fundador da feira do libro de Vigo en tempos difíciles e entusiastas nos que era imprescindible levar á rúa os aires de liberdade, galeguismo e democracia dos que son portadores os libros. Patiño e os libreiros vigueses do seu tempo, sendo alcalde de Vigo Joaquín García Picher, tiveron a afouteza de baixar no verán de 1975 os libros ao corredor central da Alameda, onde colocaron os seus primeiros postos, coa intencion de facelos visibles diante de toda a cidadanía que, en moitos casos, nunca se atrevera a franquear a porta da libraría, concibida daquela como un templo sagrado destinado só ás minorías de intelectuais e afeccionados á lectura. Daquela, nos anos difíciles do Tardofranquismo, o libro constituía unha ferramenta de afirmación cívica e galeguista indispensable para conquistar as liberdades, a democracia e a recuperación da lingua e cultura galegas. Como fixera Coruña tres anos antes, Vigo incorporábase ás cidades pioneiras que contaban con feiras do libro organizadas por libreiros, recuperando así iniciativa e o espírito que en 1933 os libreiros madrileños tiveran de levar ao Paseo de Recoletos a luz dos libros.

O libreiro don Antón Patiño Regueira, figura cultural esencial e memoria cívica de ferro, a quen a cidade de Vigo aínda debe un recoñecemento, axudounos a descubrir que camiñar devagariño esta Alameda, seguindo a liña conformada polas casetas da feira do libro, permite ignorar o estrondo de vitrasas e automóbiles e, porén, identificar o canto dos paxariños; deterse diante dos mostradores facilita descubrir os múltiples matices da luz que reflicten as edificacións pétreas que rodean este rectángulo natural. Fenómenos que pouco deben sorprendernos xa que foron descritas moitas outras utilidades destes obxectos de papel ou cartón que chamamos libros: iluminar, ensinar, interrogar, consolar, divertir, acougar, acompañar, enamorar, engaiolar, convencer, desenvolver a nosa sensibilidade, animar a compartir, a convivir, a viaxar… Paga moito a pena, pois, baixar a Alameda a gozar dos seráns dos libros e da música, onde picariños e maiores, militantes todos da lectura e do valor dos libros, poden experimentar da súa biodiversidade cultural e das fragrancias dos xardíns en primavera.

Onte 986: Racha o taboleiro

SAMSUNGOs resultados das Europeas racharon o taboleiro. Os partidos considerados sistémicos de cada espazo político sufriron un pao severo do seu electorado. PP e PSOE en todos os territorios, Izquierda Unida na Comunidad de Madrid, o BNG en Galicia, por poñer só tres exemplos. A irrupción de forzas alternativas de esquerda, Podemos en toda España, incluída Galicia, onde apenas conta con implantación, e unha certa consolidación das posicións de AGE, testemuñan a necesidade de novas propostas, novos liderados e novas formas de comunicación política. Non agocho a decepción por outro pésimo resultado do BNG, un síntoma apenas da necesidade da súa refundación, se non quere quedar nas vindeiras municipais nas marxes da irrelevancia. Porén, os resultados en Galicia, onde gaña a esquerda, abren espazo para a esperanza; é posible artellar unha sólida alternativa de esquerda nacionalista capaz de facerlle fronte a un PP que retrocede e desputarlle o sorpasso a un PSOE en claro devalo.

Onte 985: Temos dereito a un futuro distinto

xavier-vence-conversas-capaA viguesa editorial Engaiolarte abriu o seu catálogo cun excelente libro de conversas de Xan Carballa con Xavier Vence, portavoz nacional do BNG. Gustei da edición coidada deste libro alboral tanto polo singular do seu formato cadrado, pola composición da páxina e o tratamento do texto e fotos coma polo acabamento en flexi-book, aspectos nos que se percibe a experiencia editorial de Xosé Fernández Puga e o propio Carballa, editores d’ A Nosa Terra. Pola conversa que mantivemos con Puga na Feira do Libro de Vigo, sabemos que Engaiolarte ten a intención de apostar pola edición de libros fermosos, moi coidados na edición e nas calidades dos materiais. Sen dúbida, un acerto para afrontar o complexo proceso de hibridación da edición cultural galega de hoxe.

Xaora, alén do interese deste libro como obxecto, o que máis gustei foi da voz achegada por Xavier Vence, o protagonista destas duascentas páxinas que papei dunha sentada ao longo da tarde de onte. Unha conversa fluída, ben estruturada, con esacasas repeticións, o que constitúe mérito de Xan Carballa, un dos nosos mellores xornalistas culturais. Vence ofrece unha voz sen estridencias, un discurso reflexionado e depurado no eido académico, capaz de ofrecer unha raiola de esperanza para o nacionalismo galego de esquerdas. Abandonando o seitarismo e o vitimismo (esas doenzas que parecían incurables nos dirixentes nacionalistas), asumindo tamén a autocrítica, Vence humaniza a actual proposta política do BNG expresando de forma didáctica e comprensible, sen abusar da súa talentosa erudición económica (un dos seus puntos máis fortes), que a saída máis responsable en Galicia para a crise é a soberanista. Vence valora de forma equilibrada o labor do bipartito e a ruptura da XII asemblea do BNG, ademais de realizar afirmacións que abren un espazo para a recuperación dunha alternativa nacionalista de esquerdas que teña por obxectivo acadar os 500.000 apoios electorais, ese 25 % ou 30 % que a fagan eixo de gobernabilidade. É, pois, moi de agradecer este esforzo de tender pontes presente nas páxinas dun libro de conversas no que Vence presenta un discurso cheo de matices para liderar o nacionalismo galego de esquerdas desta década.

O subtítulo do libro, «Temos dereito a un futuro disitinto», expresa a vontade de Vence de conectar afectivamente cos sectores sociais e políticos que están ou estiveron na fronteira do BNG ou que formaron parte do nacionalismo político organizado nas últimas tres décadas. Quizais non lle falte razón a Vence e o futuro do nacionalismo galego de esquerdas dependa nesta altura máis da súa capacidade de conectar afectiva e emocionalmente coa sociedade galega ca do seu programa.

Parabéns aos editores de Engaiolarte, a Xan Carballa e a Xavier Vence por ofrecer tan interesante estrea editorial. Recoméndoa.