A luz de Díaz Castro

No artigo da semana en Faro de Vigo fago un primeiro achegamento a Xosé María Díaz Castro, o poeta chairego que será homenaxeado o 17 de maio de 2014.

A elección pola Real Academia Galega de Xosé Manuel Díaz Castro como figura do 17 de maio de 2014 homenaxea a un poeta de formas clásicas de orixe chairega e a un libro, “Nimbos”, considerado como un dos maiores logros da literatura galega do século XX.

Nacido en 1914 na casa de Cidre de Vilariño dos Cregos, unha das aldeas da parroquia dos Vilares de Parga, no concello lucense de Guitiriz, formou parte do que Carballo Calero chamou “Escola de Cantores de Natal” do Seminario de Mondoñedo, onde se forxou como ávido lector e alicerzou a súa cultura humanística. Para Alfonso Blanco Torrado, o seu primeiro biógrafo e valedor á fronte da Asociación Cultural Xermolos, aqueles sete anos mindonienses, nos que amigará con Aquilino Iglesia Alvariño e coñecerá a poesía de Noriega Varela e Crecente Veiga, período formativo no que recibirá tamén o impacto do latinista Francisco Fanego Losada, “axudaron a Díaz Castro a perfilar e madurar a súa vocación de escritor”.

Será naquel Mondoñedo da Segunda República, impregnado polos aromas das conversas da barbaría do Pallarego, onde o poeta dos Vilares comezou a recoller os seus primeiros versos nuns “cadernos de poesía” titulados “Follas verdes” (cantares e romances, 1934) e “Follas ao vento” (1932-35), que quedarían “perdidos”, en realidade nunca editados, aínda que “sempre activos e vivos no seu arquivo nostálxico”. Senllos “libros perdidos” aos que acudiría decote “para resgatar da memoria algún poema na busca da luz e da aurora”, como salientou o seu biógrafo.

Cando estoupou o levantamento militar de 1936, como membro da quinta do 35 foi destinado ao Corpo de Sanidade Militar da Coruña. Durante apenas unha semana serviu como practicante na fronte de Asturias, para ser trasladado despois á clínica militar do Hospital de Pontevedra. Rematada a Guerra, abandonou de forma definitiva o seminario mindoniense. Chamado por Iglesia Alvariño, en 1940 trasládase a Vilagarcía de Arousa, onde durante sete anos exercerá como profesor no colexio León XIII, ensinando latín e inglés e continuando a aprendizaxe doutros idiomas, unha das súas maiores paixóns, que o levará a dominar unha decena de linguas.

Tras abandonar Arousa, procurará en Madrid un novo futuro. Durante tres anos traballará en centros privados como profesor de linguas, incorporándose como tradutor do Ministerio da Gobernación. En 1952 ingresou no Instituto de Cultura Hispánica, onde se encargaría durante catorce anos dos servizos de tradución de francés, inglés, alemán, italiano, portugués, holandés e linguas escandinavas. Traducirá profesionalmente tamén para o Instituto do Frío do CSIC e para diferentes editoriais privadas textos de poetas como Yeats e Rilke. Durante a súa estancia en Madrid nunca perdeu o contacto coa súa terra nin coa escrita en galego. Colaborou coa viguesa revista “Alba” e mantivo en “La hoja del lunes” da Coruña a sección “Anecdotario humorístico”, protagonizado por un paisano bautizado como “Antón do Foxo”, asinando co alcume de “Castelo”.

O fito fulcral da súa traxectoria literaria será a publicación en 1961 por parte da editorial Galaxia de “Nimbos”, onde recolleu trinta e dous poemas escritos ao longo de varias épocas, mais todos eles, en palabras de Otero Pedrayo, “reflexos da unidade dun vivire”. Pezas que o poeta de Guitiriz definía como “fragmentos de min mesmo perdidos”, “Díaz Castro perdido no traxeito dun recordo moi longo”. “O poema é só un nimbo de lus” lemos no primeiro verso da segunda composición deste libro de poemas extraordinario, no que autor concibe a poesía “como unha actividade puramente artística, que constitúe a forma máis perfecta de expresión dos seres humanos e as súas relacións”. Fuxindo do descritivismo paisaxístico e de calquera xeito de costumismo, sen perder unha miga da fala popular chairega e brañega, Díaz Castro condensa en palabras de xigante e metáforas de luz e sombra a súa ollada sobre a vida e a morte, sobre o amor e a emigración, sobre a xustiza e a beleza, sobre o paso do tempo e a súa patria galega. Poemas inesquecibles como “Monumento á ausencia”, “Terra achaiada”, “A cerna” ou “Penélope”, onde quizais atopamos a definición poética máis emocionante, tamén a máis dolorosa e actual, das que se teñen feito sobre o país noso: “Un paso adiante e outro atrás, Galiza / e a tea dos teus soños non se move. / A espranza nos teus ollos se espreguiza. / Aran os bois e chove”.

Tempo haberá para continuar cernando sobre un poeta esencial e austero, un clásico humilde, que escribiu algúns dos versos máis inesquecibles agromados en galego: “A luz do mundo é a que arde nunha bágoa”, “Cruel, cruel, cruel, realidade!”, “O verdadeiro amor enferra en neve”… Como tempo haberá ao longo dos meses vindeiros para afondar na traxectoria humana e literaria de quen na súa lápida no cemiterio de Guitiriz reza: “A beleza feriume para sempre”.

1 comentario

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *