Memoria da Terra Chá

O escritor chairego Paco Martín leu o comezo da súa intervención na Polavila Docampo 2024 unha noticia que nos deixou estupefactos e rezaba máis ou menos así: «A proposta do Instituto de Estudos Chairegos levada ao pleno do concello de Vilalba para denominar unha sala do conservatorio de música, a casa da cultura e a biblioteca pública municipal cos nomes do músico Santiago Mato Vizoso e dos escritores Manuel María e Agustín Fernández Paz respectivamente foi rexeitada ao non acadar os dous terzos dos votos corporación, ao absterse o PP». Unha negativa xustificada polo regulamento sobre honras e distincións do concello de Vilalba que desde hai vinte anos obriga a contar cunha maioría cualificada (case unanimidade) para modificar os nomes dos inmobles municipais. Unha argucia que xustifica rexeitar as propostas do IESCHA, ao tempo que manter os nomes de Cidade Cultural Manuel Fraga Iribarne ou Auditorio Municipal Carmen Estévez. Un exercicio de cinismo político que me axudou a lembrar aquelas presentacións e homenaxes de Agustín na súa vila natal, onde nunca faltaban as gabanzas de Agustín Baamonde, líder dos populares vilalbeses, alardeando de compartir pupitre e andanzas escolares co escritor das Fontiñas. É un acto de dignidade que a Biblioteca de Vilalba leve o nome de Agustín Fernández Paz, hoxe o escritor vilalbés máis lido e traducido a media ducia de linguas, aínda máis cando esta biblioteca recibiu unha doazón de case sete mil exemplares do seu legado bibliográfico. Como é un acto de gratitude lembrar ao poeta Manuel María na Casa da Cultura, aínda máis cando foi en Vilalba onde celebrou o 15 de febreiro de 2003 o acto do seu ingreso da Real Academia Galega cun discurso memorable titulado «A Terra Chá: poesía e paisaxe». Os concelleiros populares vilalbeses non poden continuar bloqueando cunha argucia propia do máis reseso filibusterismo os xustos nomeamentos solicitados polo IESCHA, que forman parte todos os tres da memoria e do orgullo da cultura galega.

Publicado en Nós diario: 17/04/2024

Galician books

A edición galega regresou á Feira Internacional do Libro Infantil de Bologna, onde grazas á axuda de Cedro e da fundación Xistral contou cun espazo dentro do propio da Federación do Gremio de Editores de España. Unha decena de empresas, entre elas Kalandraka con amplo espazo de seu, contarán co apoio dun catálogo de dereitos no que se presentan setenta novidades das editoras desprazadas, baixo o lema «Galician books». Amais disto, sendo a escritora Fina Casalderrey candidata a Astrid Lindgren Memorial (ALMA), unha escolma da súa obra protagonizará un lugar destacado do espazo expositivo da AGE. Un esforzo dos nosos profesionais do libro infantil e xuvenil, hoxe o primeiro piar da edición en galego, tanto por facturación no mercado interior como por volume de edición, ao que continúa teimosamente alleo a Xunta de Galicia, que fai oídos xordos ás demandas do sector da edición, mais que participa en Boloña con espazo expositivo propio, utilizando o tradicional catálogo de novidades de Gálix. Unha lamentable ausencia de empatía do goberno galego, incrible en Cataluña e Euskadi, onde editoras e administración autonómica van da man nas feiras internacionais, máis aínda cando a Secretaría Xeral de Cultura continúa orientando a súa participación nesta cita, como na de Frankfurt e Guadalajara, máis á promoción turística que á da nosa edición. Sei que de pouco serve lamentar esta desconsideración persistente e severa dos gobernos de Feijoo e Rueda cun sector estratéxico da nosa industria cultural. Como abafa reclamar o cumprimento da vixente lei do libro e da lectura (2006) e a posta en marcha dunha estratexia compartida polos sectores do libro e a Xunta de Galicia para promover o libro, a lingua e literatura galega no mundo. Con todo, a pesar de traballar á intemperie, o sector editorial galego publica hoxe os mellores libros da súa historia, acuñando a marca «Galician books» como produto de excelencia, creatividade e rigor editorial. Proeza colectiva que celebramos con orgullo.

Publicado en Nós diario: 10/04/2024

Polavila Docampo

O editor Antonio Ventura incitou a Xabier P. DoCampo a que escribise un libro sobre o valor da lectura dirixido a persoas mediadoras. Tirando dese fío, Xabier, namorado do xénero epistolar como recurso creativo e de intervención política, escribiu unha das súas obras senlleiras, Catro cartas (Anaya, 2000; Xerais, 2020), na que reflexiona sobre a literatura como emoción compartida e os libros como un espazo de encontro. Dirixidas á amada, ao fillo, á mai e a Tusitala (R.L.S.), cun quinta peza, fóra de catálogo, a quen lese as anteriores, DoCampo reflexiona con lucidez e beleza sobre a lectura (tamén a escritura) como un traxe que lle senta ben a alma e fai a vida máis fermosa. Lectura e escritura, nas súas palabras, que desempeñan a función «de nos axudaren a nos coñecer e recoñecer», «dúas iniciativas individuais que nos axudan a indagar en nós e, ao mesmo tempo, se substancian no outro, por medio da entrega, da xenerosidade e do amor».

O vindeiro venres, 5 de abril, cando se fan 78 anos do nacemento do chairego, celebraremos no Fórum Metropolitano da Coruña a primeira edición do serán Polavila Docampo, unha iniciativa con vontade anual e itinerante das súas amizades para lembrar a súa figura e compartir e poñer en valor o seu extraordinario legado literario. Precedido de actividades nas bibliotecas escolares e coincidindo co ciclo de cine «Xabier P. DoCampo na memoria», abrirá o serán na biblioteca infantil unha sesión de contos, continuará coa lectura pública das Catro cartas por voces amigas, que darán paso á Gala Polavila Docampo, na que asistiremos a cerimonia máxica da narración da man de membros da Xeración Lamote, poetas, contadoras e cantoras, que participan todas de forma altruísta. Un serán para celebrar a Xabier, mais tamén para non esquecer, como el recordaba, a responsabilidade que como doadores de palabras adquirimos cada vez que alguén nos conta unha historia ou a ofrece para o gozo da súa lectura en alta voz. Beizón, mestre, por tan valiosa herdanza!

Publicado en Nós diario: 03/04/2024

Hiperpoética

Carmen Villar Alonso publica nos seus perfís de Twitter (@CarmedeMilmanda) e Instagram (@rosmoninha) un proxecto fotopoético escolmado no libro Os mil e un días (Xerais 2023), un dos formatos editoriais anovadores da nosa efervescente poética actual. Seguida por milleiros de lectoras e aproveitando as utilidades hipertextuais destas redes, como a multimodalidade que permite mesturar texto e imaxe (verso e fotografía ou debuxo propios), Carmiña constrúe un dietario poético aberto e inacabado, rotundo e fermoso, íntimo e memorioso, escritura e ollada que desbordan as ansias do ser humano e os límites do literario e do visual. Un proxecto poético, que a autora con raíces entre os ríos da Mesopotamia galega sitúa entre Rosalía de Castro e Kurt Cobain e cuxas intencións fixou nunha entrada inicial memorable (10/04/2017) pegada no seu perfil de X: «O meu avó non sabía / de Supermans / ou Spidermans. / Pero coñecía o vimbio: flexible e forte / coma o mellor superheroe.» Empregando unha lingua clara e unha escolla léxica depurada, que dialoga con imaxes de paisaxes, Carmiña aborda a reflexión sobre o tempo e a finitude dos amenceres vividos, os abismos e os medos, o amor e a morte, a familia e os afectos, como o valor da escritura e das linguas (ademais de en galego, hai poemas en francés, alemán e inglés) na construción dun futuro esperanzoso. Proposta editorial novidosa, que coincide coa proeza editorial da vixésima primeira edición de Poetízate. Antoloxía da poesía galega (Xerais 2006, 2024) na que o editor Fran Alonso actualiza coas utilidades hipertextuais (por medio de códigos QR) esta escolma referencial concibida para achegar a poesía á mocidade. Antoloxía hiperpoética, utiliza a utilidade da multimodalidade de verso e música, como Alonso xa fixera en Poetic@, poemario web multimedia e interactivo, no que os poemas poden ser lidos, escoitados (nalgúns casos vistos) recitados ou cantados. Benvidas estas propostas  hiperpoéticas galegas de edición estendida e hibridada.

Publicado en Nós diario: 27/03/2024

«Se queres…»

Pasado o día do Cómic (17 de marzo) e ás portas dos días internacionais da Poesía (21) e do Teatro (27), celebramos hoxe o día da Narración Oral, data mundial nacida en Suecia (1991) coa que, coincidindo co equinoccio de primavera, as narradoras orais festexan contando contos a súa profesión, arte e oficio. Organizada en Galicia polos festivais Atlántica e Sete Falares e polo Colectivo Narración Oral Galega, ao longo desta xornada de festa da oralidade desenvolveranse unha chea de funcións en todo o país en bibliotecas, teatros, colexios, centros culturais, residencias de maiores, hospitais ou cárceres coa intención de poñer de relevo o valor inmortal de contar un conto. Un día no que, como salienta Paula Carballeira, redactora do moi fermoso manifesto «Se queres…», estamos convocados todos a regalar boas historias e contalas de xeito que «pareza murmuran na orella xusto o que precisamos para sorrir, coller folgos e asentarnos no mundo e cambialo». Un día para contar a vida coa nosa voz, tamén coa ollada e xestos nosos, mais tamén coa disposición e a empatía de escoitar, abraiarse e sorprenderse cos nobelos dos relatos doutros afáns e pareceres, para celebrar esoutro tesouro da nosa lingua e continuar construíndo memoria e identidade. Lémbrao Michèle Petit no seu ensaio máis recente, Os libros e a beleza (Kalandraka 2024), en excelente tradución de Isabel Soto: «O utilitario nunca nos basta. Quizais sexamos ante todo animais poéticos, posto que os seres humanos levamos máis de 40.000 anos creando obras de arte, moito antes de inventarmos a moeda ou a agricultura». Iso celebramos hogano, o prodixio de contarmos e escoitarmos para dominar a estrañeza da vida e da morte, para procurar a verdade que aniña na cerna do relato. Sabíao o noso amigo Xabier DoCampo: «o acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia». Velaí o que festexamos, o amor pola narración tradicional, o amor polo desexo da ficción, o amor polo desexo de contar historias.

Publicado en Nós diario: 20/03/2024

Canles 5

A imaxe de Canles 5 (Xerais 1988), o primeiro libro de texto en galego que recibiu o Premio nacional a material didáctico non sexista «Emilia Pardo Bazán» do Ministerio de Educación, lémbrame a retranca coa que Agustín Fernández Paz, director do proxecto xunto con Xosé Lastra Muruais, celebraba o curioso incidente entre a oración principal e a oración subordinada recollido na primeira edición d’ O noso galego 6. Os camiños da comunicación (Xerais 1981) do colectivo Avantar, o primeiro libro de texto aprobado pola comisión mixta Xunta de Galicia e Ministerio de Educación, tamén un dos primeiros de Xerais, que se estreara en 1979 co manual de Matemáticas de 1º de BUP de Vacaloura. Aquela imaxe do crego de pé e o labrego axeonllado, audaz ilustración para representar un contido gramatical, fora sen dúbida outra das brincadeiras do debuxante, o xenial Chichi Campos, un dos talentos do humorismo gráfico galego daquel tempo. Por ventura, a «ilustración sintáctica» recibira só algunhas protestas, mais provocara moitas máis gargalladas nas aulas. Así se facían na década de 1980 aqueles primeiros manuais de galego, dos que apenas existían os precedentes editados da serie «Lúa nova» de Anaya, promovida polo editor Xulián Maure, e «As nosas letras» de Xoán Babarro de Edicións Casals. Un traballo entusiasta e febril, artesanal e militante, co que os dez membros de Avantar da Ferrolterra pretendían «sistematizar o que eran as súas experiencias de aula partindo do coñecemento e cultivo da lingua galega». Entendo que catro décadas despois a aquela edición heroica da primeira serie «O noso galego» acáelle o que Albert Camus acuñara no seu discurso de agradecemento do Nobel: «cada xeración síntese condenada a reformar o mundo». Os membros do colectivo de Avantar, responsables tamén de Canles 5, foron fieis a esa condena: teimaron reformar o ensino por dentro e por fóra, iniciando o camiño da escola en galego e conseguindo a proeza de recuperar as luces da escola das bolboretas da República, prendidas co inicio do período autonómico, como os valores da escola pública galega e os da incorporación da nosa lingua como vehicular no ensino obrigatorio.

Publicado no libro catálogo da exposición Educación, Xénero e Lectura. Conformar, Reformar, Trasnformar, comisariada por Rita Gradaílle Pernas e Antón Costa Rico para o Museo Pedagóxico de Galicia (2024).

Villalta

Lembramos hoxe o vixésimo cabodano de Luísa Villalta, homenaxeada este 17 de maio. Tras anos de esquecemento editorial, apenas roto pola publicación de Papagaio (Laiovento 2006), en colaboración coa fotógrafa Maribel Longueira, e máis recentemente d’ As palabras ingrávidas (Centro Ramón Piñeiro 2020), textos escritos (un por día) en diálogo con outros da poesía universal, nos dous meses anteriores ao seu pasamento, nas marxes do Almanaque poético (2004) da editora portuguesa Assírio & Alvin, apareceron, por fin, nas librarías de noso a súa poesía reunida, Pensar é escuro (Galaxia 2023), así como varias achegas biográficas e escolmas da obra dunha autora que durante a súa traxectoria literaria (apenas dúas décadas) teimou na procura da verdade dende a concreción da palabra poética e dunha insurxente liberdade creadora. Publicacións, entre as que salientamos a escolma Así vou eu, formando parte (Chan da Pólvora 2024) de Eva Veiga e Pilar Pallarés, o ensaio e libro das amizades Abonda con vivir (Xerais 2024) de Montse Dopico, e o álbum para lectorado novo Alma de violino (Xerais 2023) de Beatriz Maceda, Eli Ríos e Laura Suárez, que dende lecturas plurais coinciden en retratala como unha poeta, dramaturga, narradora, ensaísta, articulista, música, violinista, filóloga, profesora, membro da directiva da AELG e activista… radicalmente comprometida con Galiza e coa súa lingua. Foi a poeta coruñesa, en palabras de Pilar Pallarés, «autora dunha poesía en que coexisten altura intelectual e carácter civil», «sabia no respecto dos contrarios». Foi muller feminista, nacionalista e de esquerdas nunha sociedade literaria de homes, en palabras do seu compañeiro no conservatorio da Coruña Xurxo Souto, «conectada coa forza da vida» e «capaz de romper a orde entre música e poesía». Deixou Luísa un legado literario, edificado con palabras de denuncia que non perderon actualidade ningunha, e que para a súa amiga Marga do Val están «enroladas no seu compromiso ético e político».

Publicado en Nós diario: 06/03/2024

Alfonso ou o compromiso do entusiasmo

Alfonso Álvarez Cáccamo escribiu no libro d’ Os aforismos do riso futurista (Xerais 2016) que «o destino é un cabalo desbocado». Sabía que por moito que galopemos no seu lombo, xamais lograremos domesticalo, o que non impediu que a súa vida enteira fose un modelo de compromiso coas causas do entusiasmo e coa construción dunha amplísima comunidade de afectos. Foi Alfonso o escritor galego da súa xeración que mellor soubo empregar o humor e a creación de mundos imaxinarios como estratexia narrativa. Ferramentas coas que construíu un coidado e excelente catálogo narrativo, con novelas tan logradas como As baleas de Eduardo Reinoso (Xerais 1990), premio Xerais; O bosque de Levas (Galaxia 2008), trasladada ao cine (2006) ou Os Gotten (Xerais 2014), retrato dunha familia viguesa, culta e emprendedora, onde todos os seus membros posúen a xenerosidade e o grato sentido do humor como marcas da historia común de varias xeracións. Catálogo que ampliou ao relato, con títulos como Catapulta (Xerais 1995) ou Contos mamíferos (Cumio 1998), onde combinou  o exercicio da creatividade verbal co deseño audaz de personaxes esmedrellantes e festivos.

Enxeñoso, alegre, entrañable, Alfonso contaxiaba alí onde estivese empatía, fose na comunidade do Colexio de Panxón do Instituto Social da Mariña, onde exerceu como mestre durante máis de tres décadas, fose nas actividade dos Instituto de Estudos Miñoráns co que colaborou ou nas múltiples causas da nación e da esquerda nas que foi activista. Aprendeu o oficio de edición na oficina da editorial Castrelos, a carón do seu pai, o inesquecible Xosé María Álvarez Blázquez, do que foi o seu primeiro biógrafo (Ir Indo 1994) e de quen se ocupou con rigor documental extraordinario da súa Fotobiografía (Xerais 2008) e de quen traduciu para o galego dúas das súas novelas. Nas páxinas d’ A Nosa Terra e do Faro de Vigo publicou varios centos de artigos, seguindo a actualidade da súa «cidade da oliveira e do orballo», comprometido coa defensa da lingua galega e do seu patrimonio. Exerceu a crítica literaria, deixando algunhas pezas memorables como aquela na que en febreiro de 1987 saudaba a publicación de Denuncia do equilibrio e defendía con afouteza e gume afiado a poeta Xela Arias. Foi Alfonso tamén poeta, autor dun libro referencial, Sebes contra o vento (Espiral Maior 2009), e responsable do blog Pensamentos de Olafson Mokk (2012), prodixio de creación literaria e plástica, onde desenvolveu unha sorprendente obra gráfica, sen esquecer o seu interese pola escultura, como creador de pezas a partir das crebas da costa de Oia que tanto apreciaba. Hoxe choramos a súa perda con saudade. Con todos os abrazos para súa familia e comunidades de afectos que teceu.

Publicado en Faro de Vigo: 06/03/2024

Queizán pioneira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a escritora María Xosé Queizán con motivo do premio Laxeiro que recibiu o pasaso 23 de febreiro::

Coincide este 8 de marzo co premio Laxeiro 2024 outorgado á escritora María Xosé Queizán. Un recoñecemento para unha creadora, pensadora e axitadora viguesa, exemplo para a Fundación Laxeiro de «compromiso coa cultura galega a través da creación e do pensamento» feminista. Unha pioneira no mundo da escrita contemporánea en lingua galega dende a publicación d’ A orella no buraco (Galaxia 1965), a súa primeira novela, como tamén da reivindicación feminista, fose como ensaísta, autora de títulos primeiros nesta causa como A muller en Galicia (Ediciós do Castro 1977), fose como promotora de organizacións feministas como Asociación Galega da Muller (AGM, 1976) e Feministas Independentes Galegas (FIGA 1978), de publicacións como a revista anual Festa da palabra silenciada (1983-2014), da que foi directora. Sen esquecer as iniciativas feministas e artísticas diversas nas que participou: o Teatro de Arte e Ensaio da Asociación da Prensa de Vigo (1958), do que foi promotora e actriz; o Teatro Popular Galego da Asociación Cultural de Vigo (1967), do que foi fundadora; ou a colección «As literatas» de narrativa escrita por mulleres publicada por Xerais (1999), da que foi directora. Sen menoscabo de ser autora dun completísimo catálogo literario que vai da novela e o relato ao ensaio, da poesía ao teatro, do cinema á tradución, Queizán é unha das figuras cimeiras da cultura galega do noso tempo que, a pesar de iniciativas como esta da Fundación Laxeiro ou doutras homenaxes recibidas en Vigo, aínda non foi recoñecida como merece.

Non se poden entender os feminismos actuais sen o teimoso compromiso de María Xosé Queizán que dende hai cincuenta anos participou en todo tipo de iniciativas, manifestos, artigos, estudos, conferencias, debates, xornadas formativas e mobilizacións sobre a situación da muller e a conquista dos seus dereitos que a converteron en referencia do movemento feminista galego. Un camiño sempre arriscado, como o da manifestación na que participou, convocada por AGM o 5 de marzo de 1977 á porta do Corte Inglés de Vigo polo despedimento dunha empregada (Encarna López), que coincidiu coa primeira celebración en Vigo do 8 de marzo (efeméride considerada folclórica, entón, polos sindicatos e partidos de esquerda), que en realidade perseguía denunciar por vez primeira un caso de acoso sexual encuberto pola empresa. Como participou Queizán nas batallas das leis do divorcio e do aborto, tan presentes no Festival Feminista celebrado en Castrelos o 29 de xuño de 1980, organizado pola Coordinadora Feminista de Vigo. Como Queizán escribiu moreas de artigos denunciando a discriminación salarial e a violencia sobre as mulleres, ao tempo que animou en xuño de 1996 o encontro de poetas peninsulares e das illas en Vigo, organizado pola FIGA e a Concellaría da Muller. Sen esquecer o pulo que dende a vicepresidencia do Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo, creado o 2 de decembro de 1993, Queizán imprimiu a celebración do 8 de marzo e a visibilidade na cidade das mulleres e da súa memoria.

Nacida na rúa Urzaiz, na altura do muro da Estación, Vigo foi para María Xosé Queizán o seu berce e cidade amada, como confesou nas páxinas de Vivir a galope (Xerais 2018), o seu referencial libro de memorias: «Vigo é o ritmo humano proletario no que aprendín a camiñar e o aroma peixeiro embriagando as entrañas da cidade, o manifesto atlántico que me orienta». «Cada vez que chego a Vigo e enxergo a ría, chéiroa, sinto unha intensa emoción que me obriga a respirar profundamente e a amar a vida». Unha cidade que, ademais, protagonizou algunha das súas mellores páxinas literarias na novela Amor de tango (Xerais 1992), texto inesquecible sobre a contribución das mulleres viguesas, tanto as traballadoras da conserva como as rapazas dos esperanzados anos vinte, anteriores á Guerra Civil, na conformación de Vigo como unha urbe industrial e cosmopolita. Un libro que contén o primeiro itinerario do mapa do Vigo literario, ao que Queizán tamén contribuíu coa súa novela negra Ten o seu punto a fresca rosa (Xerais 2000) e cos relatos de Sentinela alerta (Xerais 2002).

Xaora, nunha obra escrita dende o seu optimismo feminista e os criterios da racionalidade e a confianza na ciencia, María Xosé Queizán salientou a necesidade de fuxir de calquera tipo de sentimentalismo e procurar a liberdade do ser humano, sometido aos condicionantes da sociedade patriarcal. A súa obra (como a propia vida) constitúe un esforzo por ofrecer unha reflexión sobre a palabra literaria como forma de poder e, ao mesmo tempo, utilizar o poder da palabra como medio para inventar novos modelos de igualdade na relación entre os seres humanos. Un admirable exercicio de coherencia vital e de reflexión literaria permanente que merece ser salientado. Grazas, María Xosé.

Oficio de edición

Italo Calvino confesou que traballando nunha editorial «se lle volve a un o corazón de pedra», «alí un remata por non sentir nada, por asumir unha máscara de cinismo». Afirmacións con intención de desmitificar o oficio de edición, que exerceu durante tres décadas en Einaudi editore, mais que no fondo reflicten algo que sabemos todos os editores: o noso é un oficio que, en termos xerais, provoca máis antipatía que simpatías, no que se combinan algunhas xornadas de gozo con moitas outras de melancolía. Pola súa natureza de actividade de mediación lectora, a edición achega máis insuficiencias ca satisfaccións, xa que ademais de desenvolvela na oficina, obriga a quen a exerce a participar nas políticas culturais do seu tempo. O editor escolle, filtra e coida os textos; conversa e acompaña aos autores e autoras, mais tamén se compromete no devir da sociedade da que forma parte. Velaí como no caso galego, non hai posibilidade de edición, se non existe un compromiso inquebrantable coa causa resistente da lingua e da propia nación. Certo é que no oficio existen criterios e estilos diversos para desenvolvelo, aínda que todos estean condicionados polas cifras dos custes editoriais e das vendas libreiras, xa que se as edicións non se venden, non hai retorno posible para continuar publicando outras novas. Con todo e volvendo ao Calvino editor, o anterior ás Leccións americanas (Kalandraka 1999), asumo que continúan sendo útiles os seus tres criterios para valorar se un orixinal merece ser publicado: acreditar se posúe unha linguaxe de seu, xa que editamos textos; identificar se posúe unha estrutura, xa que publicamos libros; acreditar se amosa algo, a ser posible algo novo, xa que ofrecemos novidades ou recuperamos a memoria literaria. Xaora, sexa utilizando os criterios de Calvino ou non, comparto o que escribiu o editor Constantino Bértolo en Una poética editorial (Trama 2022): «no oficio de edición hai que desvelarse por achegar, por intervir, por contaxiar» entusiasmo.

Publicado en Nós diario: 28/02/2024