Masa verde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a política de arborado do concello de Vigo:

Un dos mellores artigos sobre as árbores en Vigo é «Morte na Rúa da Paz», unha das marabillas que baixo o epígrafe de «Conversas co vento» publicaba Chano Piñeiro, hai máis de trinta anos, nas páxinas de Faro de Vigo. Precedido dunha oración estremecedora («Hoxe o sangue tiña forma de serrín esparexido pola rúa da Paz, aquí en Vigo»), o director de Sempre Xonxa (1989) expresaba a súa indignación pola talla dunhas vellas árbores na rúa próxima a súa botica de Torrecedeira. Como era adoito na súa tribuna, Chano mantiña unha conversa, neste caso coas árbores caídas, preguntando sobre as razóns polas que foron cortadas e lamentando que o «Concelleiro das Árbores», pense que ás árbores hai que metelas nunha «reserva», xunto a outras «plantas raquíticas e árbores escuchimizadas», esquecendo que «os seres humanos podemos, sabemos e debemos convivir con elas». Conclúe decepcionado Piñeiro o seu blues, mesmo a pesar de que «o noso idioma é un dos poucos que tivo a suficiente sensibilidade para recoñecer a feminidade das árbores», asumindo que ninguén vai devolver todo o que achegaron marcando durante cincuenta anos de vida «a chegada da primavera ou facendo do outono unha alfombra» ou, simplemente, «animándonos a brillar con elas».

Dende que Chano publicou aquela conversa coas árbores caídas, seres vivos reducidos a serraduras e madeira polo motoserra, foron en Vigo frecuentes as cortas abusivas das árbores urbanas autorizadas polos diversos responsables de Parques e Xardíns. Tallas que nestas semanas afectaron a todas as castiñeiras de indias do treito da rúa Manuel Olivié comprendido entre o Castro e a Praza de España, o que provocou a desaparición dun precioso arco vexetal, que achegaba tanta sombra e frescura aos que baixo elas camiñabamos. Corta sen paliativos, anunciada polo concello «por motivos de seguridade», que modificará durante décadas a paisaxe no acceso peonil ao Castro, parque xa centenario onde nos últimos anos se realizaron tamén tallas importantes arredor da muralla. Como xustificada tamén por idénticos motivos, anúnciase a talla de acacias negras na ribada de Falperra, un espazo verde entre as rúas Camelias, Cachamuíña e Romil, así como nos taludes de Subida á Costa e Arquitecto Palacios, onde medraron grandes árbores.

Medidas que, como as podas radicais do arborado urbano, provocaron a alarma dos colectivos ecoloxistas e veciñais que denuncian a redución da masa verde da cidade, xa que estas árbores de gran porte son substituídas por outras de pequeno tamaño, cando non por arbustos ou arbores en macetas, o que provoca unha diminución da sombra e elimina a absorción de CO2 que realizan. Unha polémica moi acaída no marco da posta en marcha das estratexias de sostibilidade do concello, incluídas na axenda urbana 2030, á que tampouco é allea a consensuada Lei de Restauración da Natureza da Unión Europea, aprobada o pasado 27 febreiro polo Parlamento Europeo, que obriga a cada concello a garantir que non se produza unha perda de cuberta arbórea urbana. Controversia que a actual concellaría de Parques e Xardíns resolve apenas cun comunicado de prensa onde puntualiza que o goberno local desde 2007 plantou máis de 30.000 árbores, xustifica as tallas aducindo causas de seguridade cidadá, para rematar acusando aos colectivos denunciantes «que non están defendendo o medio ambiente, están facendo política pura e dura, están na política antivigo». Decepcionante achega do goberno municipal para un debate político que, como o da posta en marcha das áreas de baixas emisións, prevista  para 2025, forma parte da cerna da política urbana no contexto actual da emerxencia climática.

Fóra do emprego tan desafortunado dunha etiqueta excluínte para referirse a veciñanza que expresa a súa opinión con datos e razóns, o concelleiro vigués das Árbores, roubándolle a Chano Piñeiro o sintagma, como a contrata municipal que se ocupa do mantemento e coidado dos parques e xardíns, deben asumir que nesta cuestión do arborado urbano hai outra abordaxe posible que vai máis alá da talla e podas radicais ou da plantación de macetas. Por ventura, o núcleo urbano continúa protexido por unha extraordinaria e tupida coroa vexetal, un patrimonio ao coidado das entidades veciñais viguesas do periurbano. Como extraordinaria é a masa verde conservada nos parques de Castrelos, do Castro, da Guía, da Bouza, e do máis recente de Navia, da propia Alameda da praza de Compostela (máis que centenaria), que proporciona sombra (un dereito da veciñanza), elimina carbono e dá acubillo as aves e outra fauna. Nunha cidade que ten unha oliveira como insignia, dende hai cinco séculos, o coidado das árbores urbanas e do resto do seu patrimonio forestal debería constituír un punto de encontro da veciñanza e do goberno municipal.

Viguesas distinguidas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás Viguesas distinguidas:

Entréganse hoxe as distincións «Vigueses e viguesas distinguidos» coas que o Concello de Vigo, segundo establece no seu Regulamento de honras e distincións, recoñece «a persoa ou grupo de persoas que sobresaíron ao longo da súa vida polas virtudes humanas ou polo seu quefacer profesional; vigueses famosos, populares e mesmo, nalgúns casos, persoas que polo seu traballo calado ou polo seu persoal rexeitamento de todo protagonismo non son coñecidos pola maioría». Recoñecementos que xunto coa Medalla de Ouro da Cidade se veñen outorgando o día da Reconquista, dende o 28 de marzo de 1987.

Foron as primeiras Viguesas distinguidas Carmen Roel Rilo, fundadora de El Mosquito, e Milagros Molares Lago, promotora dos Campionatos de Fútbol Praias. Foron os primeiros Vigueses distinguidos Manuel de Castro, vendedor de prensa que voceaba polas rúas do centro os xornais do día; Ángel Llanos González, fotógrafo de prensa, terceira xeración dunha familia de gráficos que deixou 135.000 pezas tiradas en Vigo e comarca; o Hotel Bahía, inaugurado en 1971; Nicolás Peña Martínez, médico urólogo, humanista, director durante moitos anos do Hospital Municipal (instalacións que hoxe levan o seu nome); e José Villamil Pérez, médico psiquiatra de longa traxectoria. Séndolle outorgada a Medalla da Cidade a Fernando Alonso Amat, funcionario de Facenda, delegado da Zona Franca, presidente do Club Naútico, comprometido coa causa democrática e da igualdade.

Estes recoñecementos municipais actuais tiveron varios precedentes. O primeiro nos premios «Uve de Vigo» outorgados o 9 de febreiro de 1974 nunha cea no Hotel Bahía, organizada pola emisora La Voz de Vigo (EFE 31), integrada na Rede de Emisoras do Movemento, que recibiron os empresarios José Fernández López (Pescanova) e Alejandro Barreras, o presidente do Círculo Mercantil e Industrial Camilo Veiga, a Cámara de Comercio e a ETEA, centro de formación da Armada. Como outro antecedente foi a homenaxe que en 1985 recibiu con motivo da súa xubilación Víctor Homen de Almeida, durante catro décadas vice-cónsul de Portugal en Vigo, e grande celtista e amante da cidade, a quen o cronista Lalo Vázquez Gil considera de feito o «primeiro vigués distinguido, cando non existía ese nome». Como precedente máis achegado foron os «Premios Reconquista» outorgados en 1986 pola Xunta de Goberno, a proposta do alcalde, que coincidindo coa entrega da Medalla da Cidade ao empresario e escritor Valentín Paz Andrade, recoñeceron o labor destacado nos eidos económico, social, cultural ou deportivo da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, da emisora educativa Radio Ecca, do atleta Alejandro Gómez Cabral e do grupo punk Siniestro Total.

Tras cincuenta anos da entrega daquelas uves pioneiras, case trescentas persoas, empresas, centros educativos, clubs deportivos, asociacións culturais e entidades diversas foron recoñecidas como «Viguesas distinguidas», referentes cidadáns e cívicos polas súas achegas diversas á construción da cidade de Vigo como espazo de convivencia e desenvolvemento urbano. Recoñecemento honorífico, que todas elas reflicten con orgullo no seu currículo máis íntimo, tanto as que aquí naceron como as que (a maioría) decidiron aquí construír os seus proxectos vitais e profesionais, unha adscrición de pertenza que conforma o inequívoco espírito republicano dunha cidade emprendedora, aberta, solidaria e sempre xenerosa no esforzo colectivo. Nomeamentos realizados polo concello de Vigo, tradicionalmente de forma unánime, coas achegas dos diversos grupos municipais e ao fío dos avances e conquistas de dereitos, o que salienta o carácter inclusivo e transversal dunhas distincións que afagan tanto a quen as recibe como a quen as outorga.

Con este espírito de constituír referentes recibirán hoxe o seu nomeamento como Distinguidas as comunidades educativas do Colexio Público Lope de Vega, o Instituto da Guía e o Colexio Quiñones do Calvario, como os participantes no proxecto «Sons das flores» do Colexio Público Vicente Risco. Como por constituír referentes deportivos son Distinguidos os clubs de baloncesto Seis de Nadal de Coia, o Celta de Atletismo e o centenario Club Deportivo Coia de Fútbol. Como por ser referentes comunitarias e musicais son Distinguidas as corais polifónicas do Centro Cultural de Valadares e da Sociedade Atlántida de Matamá, o falecido folclorista Emilio Sotelino e a Asociación de Viúvas Demócratas. Como por ser referente humana, cultural e social é Distinguida a escritora e activista viguesa María Reimóndez, que escribiu libros preciosos de temática viguesa, como Unha xigante ira colectiva (Elvira 2019) ou Furia (Xerais 2023), cerna do actual Vigo literario. Parabéns a tan merecidas Viguesas distinguidas!

Panificadora centenaria

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao centenario da Panificadora:

Aprobadas as licencias de obras pendentes dos edificios Lúa e Estrela no Barrio do Cura e coñecida a maqueta da intervención (con toda probabilidade gañadora) do concurso de ideas para o alongamento previsto do túnel de Elduayen até a extrema de Torrecedeira semellaría que, despois de case dúas décadas de ires e vires, comezará, por fin, a tantas veces anunciada rexeneración urbana do paseo de Alfonso e da contorna da oliveira, a grande sala de estar do Vigo vello e o primeiro miradoiro da cidade sobre o horizonte das Cíes. Unha intervención urbanística millonaria, iniciada en 2001, cando o asilo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados foi trasladado a Alcabre, o que permitiu o acordo da súa adquisición en 2003 polo futbolista Valery Karpin (valorado en 8,5 millóns de euros) e en 2004, con Michel Salgado e outros socios, da maior parte dos edificios do Barrio do Cura. Hai vinte anos, tamén, o arquitecto Alfonso Penela presentou o proxecto dunha obra que dende 2008, cando picou a burbulla inmobiliaria, quedaría parada coa súa elevada débeda financeira en mans dos bancos, até ser adquirida en 2018 por polo fondo de capital risco norteamericano Autonomy Global Opportunities e a promotora madrileña Gestilar.

Un proxecto que en dúas décadas arruinou un perímetro  urbano, delimitado polo edificio, igrexa e finca do asilo das Hermanitas, construídos entre 1892 e 1910 polo arquitecto Manuel Felipe Quintana. Un barrio céntrico de casas humildes de arquitectura pétrea e centenaria, comprendido entre o comezo da rúa Pi e Margall e a rúa Llorente, até o comezo da rúa Santa Marta, diante da antiga fábrica do gas. Un barrio que por diversas circunstancias e sentencias difíciles de comprender na sempre complexa historia urbanística viguesa quedou fóra do perímetro do Casco Vello, perdendo a protección como Ben de Interese Cultural (BIC), mesmo a pesar de contar coas derradeiras casas da arquitectura mariñeira viguesa, as situadas a carón do forno do señor Domingos (a coñecida como Panadaría Barrio do Cura). Un espazo urbano que contaba con actividade comercial, de restauración e residencial de seu, incluída a residencia estudantil franciscana, que tras dúas décadas de polémica urbanística e, sobre todo, da presión insoportable dunha sutil estratexia de degradación e abandono intencionados quedará apenas na memoria da súa veciñanza.

Semellante situación de completo abandono é a que ben sufrindo nas proximidades do Barrio do Cura a Panificadora e o perímetro do seu barrio, delimitado pola proximidade do paseo Alfonso e polas rúas Falperra e Cachamuíña. Unha degradación de catro décadas insoportable e vergonzosa  da peza senlleira do patrimonio da arquitectura industrial viguesa, a auténtica catedral laica do Vigo do século XX, que ameaza as edificacións deseñadas polo arquitecto Manuel Gómez Román e os enxeñeiros Otto Werner e Jorge Buchi. Tanto os interiores do edificio principal, inaugurado o 26 de outubro de 1924, onde se enfornaron as primeiras unidades de xaponeses, como do edificio de Falperra e os seus locais comerciais, ampliado entre 1958 e 1962, o máis amplo e moderno do complexo, proxectado por Antonio Román Conde, están completamente desfeitos e espoliados. Como desapareceu a cuberta inundable, un pequeno sistema de zona húmida, pioneiro das actuais construcións sostibles. Xaora, por ventura, os silos de formigón de almacenamento de gran, o elemento máis icónico do complexo, están en mellor estado, tanto os primeiros construídos en 1931 como os seis de 1951, sobre os que se conserva a duras penas a icónica atalaia, concibida sen utilidade industrial, para instalar os pararraios.

Cando se celebra o seu centenario a Panificadora emite o que debería ser xa o seu derradeiro mayday reclamando a súa conservación integral e recuperación como espazo público para usos culturais e comunitarios. Tras as periódicas promesas de recuperación e os nulos avances do proxecto, hai uns meses semellaba que por fin se enxergaba un futuro esperanzador para a Panificadora, tanto polo compromiso da Xerencia de Urbanismo de dispoñer no orzamento de 2024 de máis de once millóns de euros (nove de fondos europeos) para a expropiación dos seus terreos como por unha próxima aprobación do novo Plan Xeral que dese resposta satisfactoria a sentencia do Tribunal de Xustiza de Galicia anulando a modificación puntual do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri) do Casco Vello. Mais como era previsible en Vigo, tras as eleccións galegas, regresa a confrontación entre concello e Xunta, para a aprobación definitiva do PXOM. Agardemos que, no ano do seu centenario, o futuro da Panificadora non quede en auga de castañas, integrado como corazón que se promete do Paseo de Alfonso verde e peonil.

Acordo pola lingua

Abondaron apenas dous minutos do debate da CRTVG para que Rueda premese na campaña a tecla antipánico e recuperase o discurso ultra da «imposición del gallego» de hai quince anos. Amosou que calquera referencia ao galego ou nova proposta para o seu uso lle parece excesiva ou perigosa. Sentiuse atacado por Besteiro cando convidou aos conservadores a utilizar o galego nas cámaras das Cortes. Quedou chocado cando Pontón se comprometeu a traballar por un gran acordo pola lingua, que incluíse a derrogación do decreto 79/2010 de Plurilingüismo e a aprobación doutro pola igualdade lingüística, coa intención de que todo o alumnado acadase «igualdade no coñecemento para que haxa liberdade de expresión». Proposta que levou a candidata do BNG, no seu momento máis brillante, a enfrontar a Rueda co dilema de unirse a este acordo ou continuar detrás da pancarta contra o galego como fixera o 8 de febreiro de 2009. E tras sete segundos (interminables) de silencio, non atopou outra saída que tirar do vello discurso lingüicida e tachar a proposta da nacionalista como de imposición do «monolingüismo, o do ensino unicamente en galego» e, despois, nun chimpo de TikTok convidar a «ler o programa do BNG». Lectura que ben paga a pena, xa que as seis páxinas que os nacionalistas dedican a lingua, un dos once eixos condutores do seu programa electoral, ademais das incluídas no de política educativa, constitúen un chamamento razoado a construír un grande acordo nacional pola lingua galega, que acade consenso amplo entre os axentes políticos, económicos e sociais para reverter a perda acusada de falantes da última década. E o que é, aínda máis novidoso, ofrece o compromiso de introducir unha perspectiva de lingua que axude a que se teña en conta o fomento do uso e do prestixio do galego nas accións do goberno que o permitan. O 18 de marzo escollemos tamén entre construír ese acordo estratéxico pola esperanza do galego ou continuar coa deriva actual do seu esmorecemento en voz baixa.

Publicado en Nós diario: 14/02/2024

Precariedade estratéxica

As Galegas son o momento propicio para avaliar os logros e os fracasos de sectores estratéxicos para Galicia, como dende 2006 é o do libro e a lectura. Un balance político ao que non poden ser alleas as asociacións empresariais e profesionais, como a Asociación Galega de Editoras (AGE), que lamentaba nestas páxinas o escaso coñecemento da Consellaría de Cultura da realidade do sector do libro. Outro desacordo máis para a representación da edición galega que dende 2009 nunca foi recibida nin por Feijoo nin por Rueda, a pesar de solicitudes reiteradas, como tampouco foron atendidas polos gobernos do PP as súas reclamacións principais, recollidas da Lei 17/2006 do libro e a lectura: un Plan de Lectura, transversal, interxeracional, centrado no libro galego e orzamentado de forma suficiente; e un Plan de Internacionalización para o sector, capaz de proxectar o libro, a lingua e a literatura galega no mundo. Gremio da edición que nestes catorce anos viviu a intemperie, perdeu facturación e emprego, viu reducidas até o 80 % (si, leron ben, 80 %) as compras de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas, padeceu a modificación unilateral do modelo de gratuidade dos libros de texto e dos programas de educación dixital (Abalar e Edixgal), que xunto a implantación nunca avaliada do decreto 79/2010 de Plurilingüismo, co que retrocedeu de forma significativa a presenza do galego nas aulas, levou ás editoras educativas galegas ás portas do colapso. No entanto, este período coincidiu cunha diversificación do tecido editorial, o que axudou a incrementar a variedade do catálogo impreso dispoñible (16.000 títulos) nun mercado no que o libro en galego apenas supuxo o 8 %, como tamén celebrou recoñecementos en todos os xéneros dos Premios Nacionais de literatura (até 25) ou conformou un catálogo dixital de máis de tres mil títulos. Un sector que resistiu na súa precariedade estratéxica, a pesar de carecer do amparo dunha política do libro e fomento da lectura.

Publicado en Nós diario: 07/02/2024

Historia do tren vigués

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á historia do tren vigués e os retos do seu futuro:

Dende 1845, cando se aprobou por vez primeira a concesión do ferrocarril de Vigo a León, que caducaría sen realizar as obras, as conexións ferroviarias foron unha das primeiras preocupacións da prensa emerxente e da opinión viguesa. Dous anos despois, Ángel de Lema Marina dedicará a primeira publicación da súa imprenta, tamén a primeira estable instalada na cidade, a apoiar a construción dun ferrocarril de Vigo a Madrid, Zaragoza e Barcelona. Conexión que defenderán tanto o Faro de Vigo (3 de novembro de 1853), impreso tamén no prelo de Marina da rúa Oliva nº 1, como os seus rivais de La Oliva (febreiro de 1856), vinculado aos sectores galeguistas vigueses, dirixido por Xosé Ramón Fernández e Alejandro Chao, e El Porvenir Hispano Lusitano. Revista de comercio, industria, ferrocarriles, telégrafos y literatura (1858) dirixido por Francisco Ferreiro, impresos no prelo de Juan Compañel da rúa Real nº 12, engadindo estes a reclamación da comunicación con Portugal. Outrosí sucederá en 1861 coa aparición de El ferrocarril, cabeceira tan explícita como de vida efémera que tamén defendía a permanencia do lazareto de San Simón, e El Miño dirixido polo propio Compañel, que dende 1857 a 1868 substituíu ao suspendido La Oliva.

Xaora, tras a adxudicación das obras con Ourense en 1856, que a partir de 1864 xestionará a empresa MZOV (Compañía del ferrocarril de Medina del Campo a Zamora y de Orense a Vigo), habería que agardar tres lustros até que o 12 de xuño de 1876 se probase a primeira locomotora nos nove quilómetros da liña de Vigo a Chapela, que precedeu a apertura o 17 de marzo 1878 da liña con Guillarei. Logro que sendo alcalde o empresario Antonio López de Neira se consolidará o 18 de xuño de 1881, data da inauguración da estación de Vigo, no emprazamento actual de Urzaiz, da que saíu unha locomotora e tres vagóns cara Ourense, facilitando dende entón a exportación de peixe fresco do porto de Vigo e dos viños do Ribeiro. Mais foi a partir do 15 de xuño de 1882 cando comezou a conexión diaria de Vigo con Madrid nun tren express que anunciaba que a duración media da viaxe sería de 34 horas, que en realidade se alongaban até ás 38 e mesmo ás 44. Traxecto que se realizaba por Portugal, pola chamada «Linha do Minho» (entre Porto e Valença), cun prezo de 100 pesetas en primeira clase, 75 en segunda e 45 en terceira. Viaxe que obrigaba a tomar unha barca e un coche de cabalos, entre as estacións de Guillarei (Tui) e Segadaes (Valença de Minho). Traslado fluvial evitado dende o 25 de marzo de 1886, cando foi inaugurada a ponte internacional sobre o Miño, dunha lonxitude de 399 metros, deseñada polo enxeñeiro rioxano Pelayo Mancebo Ágrega (o da autoría do proxecto por Eiffel foi unha lenda), que permitiu conectar Vigo con Porto en oito horas e reduciu unhas cantas a duración da longa viaxe até Madrid.

En 1884, por fin,  Vigo uníase por tren con Pontevedra e a Compañía de los Caminos de Hierro del Norte de España inaugurou o tren correo Madrid-Vigo, con paradas en Valladolid, Palencia, León e Monforte, que reducía a viaxe ás 29 horas e a de Ourense a Vigo en cinco. Habería que agardar case setenta anos, despois de iniciar as obras en 1927 e de numerosos ires e vires do proxecto en anos convulsos, para que Franco inaugurase o primeiro de xullo de 1957 a liña Zamora-Ourense por Puebla de Sanabria, que deixou a duración da conexión nocturna no express Vigo-Madrid en arredor das 14 horas e a diúrna en automotores en 12. Tempo que se reduciu en dúas horas en abril de 1965 coa entrada en servizo diúrno dos TER (Tren Español Rápido) e máis aínda en setembro de 1981 do Talgo pendular, que deixa a viaxe entre Ourense e a nova estación de Vigo (inaugurada en 1987) en menos de dúas horas. Haberá que agardar a 2012 coa posta en marcha dos trens híbridos Alvia a reducir a viaxe Vigo-Madrid ás seis horas e media, tempo que se foi acurtando coa posta en marcha dos diversos treitos do AVE até as catro horas e cuarto actuais. Duración que o ministro de Transportes Óscar Puente comprometeuse a reducir en trinta e tres minutos coa chegada a Urzaiz dos trens Avril o vindeiro mes de marzo.

Loita contra o reloxo que, despois  de cento corenta anos, deixará por debaixo das catro horas a viaxe ferroviaria a Madrid, probablemente durante décadas, na medida que os proxectos das variantes por Cercedo, como a alternativa proposta polo Tea, semellan hoxe, sendo realistas, enxeñarías de papel. Xaora, Vigo continúa tendo que xuntarse para colectivamente reclamar o tren, como veu facendo dende o século XIX, como prioridade estratéxica das súas infraestruturas nesta década, concretada na saída sur e na continuidade do eixo atlántico de velocidade alta até a fronteira portuguesa. Sen menoscabo de urxir a posta en marcha do tren galego de proximidade, a chave da mobilidade metropolitana futura.

Medios públicos

Os participantes no debate sobre Medios públicos na xornada «IIº Tecendo xornalismo», organizada pola Fundación Luzes, coincidiron na necesidade de que estes medios conten cun «consello de informativos» ou «consello de redacción» como garante dunha información independente, honesta e de calidade. Os tres xornalistas galegos, Xabier Fortes, presentador de La noche 24 horas (TVE), Daniel Álvarez, director de informativos de Radio Euskadi e Belén Regueira, xornalista da Radio Galega, coincidiron tamén en denunciar a anormalidade que supón que a CRTVG careza deste instrumento –a pesar de que exista noutras corporacións (tanto RTVE e EITB como CCMA) e de que fose recoñecido pola Lei 9/2011 de medios públicos audiovisuais de Galicia–, o que evitaría a vergonzosa manipulación informativa da TVG e RG a cargo do Partido Popular. Unha anomalía denunciada dende hai 257 semanas (si: cinco anos e medio!) por Defende A Galega, iniciativa dun grupo de traballadoras da CRTVG que demanda cada venres (negro) apenas o cumprimento da Lei 9/2011: a existencia dun Estatuto Profesional, a constitución do «Consello de Informativos» e a elección polo Parlamento Galego por unha maioría de 2/3 do director xeral e por un período de cinco anos, (cando o actual foi nomeado hai catorce anos por Feijoo). Recuperar a dignidade, a independencia e o pluralismo para a CRTVG, sen esquecer os seus principios fundacionais, entre eles a promoción e a difusión da cultura e a lingua galega, como a defensa da identidade galega, son cuestións políticas esenciais merecedoras de ser incorporadas de forma preferente na axenda pública galega. Normalizar o funcionamento anómalo da CRTVG, mais aínda cando se moven os seus marcos fundacionais, é imprescindible tanto para atender as xustas reclamacións dos profesionais da compañía como para respectar a propia audiencia (a cidadanía galega) que ten dereito a acceder a unha información en galego veraz, neutral e de calidade no marco dunha opinión pública plural.

Publicado en Nós diario: 22/11/2023

Baixar as ratios

O principio do benestar emocional do alumnado no marco dunha escola inclusiva que atende a diversidade constituíuse tras a pandemia no eixo do discurso educativo do goberno Rueda. Mágoa que semellante proposta, un espazo seguro de acordo das comunidades educativas, se atendemos aos recursos destinados para ela pola administración galega, quedase xa ao comezo de curso en auga de castañas, apenas outra función dos gurús espectáculo da educación emocional. E se alguén o pon en dúbida, abonda con ler a letra pequena do acordo recente da Consellaría de Educación con tres sindicatos sobre a redución das ratios de alumnado por aula, alongado en nove cursos na Primaria, a raquítica redución do horario lectivo, que nin chega ao que rexía a comezos de 2020, ou nin sequera sobre a redución da carga burocrática, aumentada de forma considerable coa dixitalización administrativa. Decepción compartida polo profesorado mobilizado onte reclamando melloras da calidade do servizo educativo público, sobre todo no referido á redución efectiva do número de alumnado por aula, dende 4º de Educación Infantil a 2º de Bacharelato, como a medida máis efectiva de atención á diversidade, tanto para o alumnado con necesidades educativas especiais ou necesidades de apoio educativo, como para facilitar aprendizaxes individualizadas e cooperativas na aula e no centro no contexto actual de hibridación e alfabetización dixitais e da transformación da biblioteca escolar en espazo de innovación, galeguización e desenvolvemento do espírito crítico. Redución de ratios que non admite adiamentos nin distraccións pola previsible baixa demográfica post-Covid e debería ser efectiva en cada un dos ciclos dos vindeiros cursos. Só así sería crible o discurso dos Plans de Benestar Emocional dos centros e efectiva a nova figura das coordinacións de benestar e convivencia. Baixar ratios, como ampliar a rede de Orientación Educativa e a duración de programas de apoio como Proa+ non admiten unha década de espera.

Publicado en Nós diario: 25-10-2023

A volta dos nove

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 87 aniversario da volta dos nove de Baredo:

Hai apenas un mes cando lembramos o 87 aniversario da saca da curva de Puxeiros rematabamos anticipando aqueloutra do 16 de outubro de 1936 de nove persoas do Val Miñor sacadas dos cárceres de Vigo, cuxos cadáveres apareceron na curva de Bombardeira de Baredo lembradas como «a volta dos nove». Vítimas case anónimas, case todas afiliadas ao Sindicato de Industrias Pesqueiras o Espertar de Panxón e ao Sindicato de Mariñeiros de Baiona, vinculados ambos os dous á CNT, recordadas esta fin de semana con varios actos cívicos en Nigrán e Baiona polo Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) que lembra a súa memoria reconstruíndo o seu relato en base a fontes orais e á consulta da documentación existente.

Relato dunha infamia que tivo a súa orixe na persecución que dende o 13 de outubro sufriron Luis e José López Luis, coñecidos como os «Ineses», irmáns moi queridos en Baiona, coma o fora a súa nai Inés Luis, de aí o seu alcuño, regresados da Arxentina a comezos dos anos trinta, o primeiro socialista, o outro anarquista, ambos os dous modernos e progresistas, promotores de cooperativismo, da educación e da ciencia, un deles profesor de esperanto, a lingua que se pretendía universal. Persecución que levou ao cabo da Garda Civil Manuel González Pena e aos falanxistas Luis Refojo Mariño e Emilio Carrera González  a asaltar a tiros a casa na que se refuxiaron os Ineses, dun seu veciño de Sabarís, un home cego, Ventura Pérez, atendido por unha muller de 71 anos, Dolores Samuelle Álvarez «Perfeuta». Os Ineses emprenderían unha infrutuosa fuxida, despois de que José Pérez ferise mortalmente a Refoxo dun disparo, non tardando en ser abatidos polos carabineiros, falanxistas e gardas civís que foran na súa procura, como tamén a Ventura e Perfeuta por dar acubillo aos refuxiados, sendo enterrados na mesma fosa.

Desquite fulminante de brutalidade, escarmento e terror continuado polo cabo Pena e os camisas azuis de Baiona que se dirixiron ao cárcere de Vigo coa intención de sacar aos irmáns Villafines, destacados republicanos, un deles alcalde de Baiona, o que impediu un oficial da Garda Civil e os levou ao Frontón de María Berdiales, convertido en cárcere provisional, de onde sacaron (desta volta aparentemente ao azar) a nove presos miñoráns que meteron nunha camioneta que volveu a Baiona. A pesar de que as fontes orais (nunha historia silenciada durante décadas) non coinciden ao sinalar a hora da saca, en todo caso foi na madrugada do 16 de outubro de 1936 cando nove persoas foron torturadas e logo asasinadas no quilómetro 58 da estrada Pontevedra-Camposancos no barrio de Baredo. Non houbo testemuñas oculares, aínda que os tiros foron escoitados por mariñeiros que faenaban no mar e por uns traballadores que acudían a unha canteira. Sete mariñeiros de Panxón e Baiona, un ferreiro e un labrador de idades comprendidas entre os trinta e os cincuenta e un anos, que deixaron nove viúvas e trinta e un orfos. Unha relación encabezada polo máis novo, Manuel Barbosa Durán, o «Ferreiro do Burgo», mecánico, casado en Panxón, e por Elías Alejandro Gonda Alonso, o «Ghonda», labrador da Ramallosa de 36 anos, casado en Sabarís, á que seguen os catro mariñeiros de Panxón, Manuel Aballe Domínguez, Felicísimo Antonio Pérez Pérez, Modesto Fernández Rodríguez, o «Rei Chiquito», e Generoso Valverde Iglesias, e os tres de Baiona, Manuel Francisco Lijó Perez, Fidel Leyenda Rodríguez, «Tío Félix», e José Rodríguez González, o «Pelonio».

Dende aqueles fusilamentos da terrible saca de Baredo e até ben entrados os anos setenta unha ou varias persoas marcaron unha longa liña cruzada con nove pequenas no lugar das execucións, primeiro gravadas sobre a terra, despois, tras a construción da estrada, debuxadas en vermello sobre unha rocha. Son esas marcas anónimas, coñecidas como as «Cruces de Baredo», cuxa autoría a Garda Civil nunca soubo identificar e os falanxistas pretendían borrar inutilmente, xa que aparecían decontado, unha resistencia social silenciosa e simbólica que durante catro décadas mantivo a memoria daqueles acontecementos dos que ninguén podía falar. «Quen gravaba as cruces que rompían o silencio do sucedido na Bombardeira?» foi unha pregunta a que se chegou a responder mesmo acudindo á lenda e ao relato mítico e sobrenatural. Xaora, foron estas cruces as que mantiveron prendida a memoria subversiva duns acontecementos dos que os familiares das vítimas comezaron a falar cando se foi perdendo o medo, derrubando o muro da impunidade da que gozaron os executores.

Desde 2005, grazas á iniciativa do IEM, afóndase cada ano na recuperación da memoria das vítimas de Baredo e de Sabarís daqueles días de outubro de 1936. Un exercicio de memoria imprescindible para vítimas que reclaman aínda a verdade, a xustiza e a reparación que merecen.

Tren completo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao colapso do eixo atlántico ferroviario:

O mércores da pasada semana quixen ir a Compostela en tren para participar nun acto na cidade vella ás dez da mañá. Foime imposible sacar un billete de ida e volta cunha combinación razoable, que non fose saír de Urzaiz ás 6:40, case madrugada, e regresar ás 22:51 da noite, unha tolería imposible, que obriga a perder o día enteiro, para facer a viaxe entre dous destinos separados por menos dunha hora. Tras un anoxo considerable, non tiven outro remedio que coller o coche, o que me obrigou a pagar os 21,40 euros de peaxe da AP-9 e case outros quince de aparcamento nunha Compostela moi conxestionada, na que estacionar entre turistas e peregrinos tamén leva o seu tempo e require as súas doses de paciencia. Unha «solución», a de utilizar o vehículo privado escasamente sostible, que ademais do consumo de combustible fósil, e a súa correspondente pegada de carbono, amosa o colapso dos actuais servizos ferroviarios do Eixo Atlántico (EA) entre Vigo e A Coruña (liña cunha taxa de ocupación do 115 %), xa non só nas horas puntas e nas fins de semana como era adoito. Un problema de mobilidade de moito calado que afecta tanto ás usuarias frecuentes da liña, traballadoras e universitarias, posuidoras de bonos gratuítos de Media Distancia (200.000 emitidos en Galicia), como aqueloutros ocasionais que pretendemos utilizar o tren nos nosos desprazamentos pola posibilidade de ler, como do seu menor impacto para os nosos petos e para a propia emerxencia climática.

Situación precaria do ferrocarril en Galicia que por fin, albízaras!, comeza a formar parte da axenda política galega. Esta semana, e non era sen tempo, o consello da Xunta ocupouse de valorar un informe sobre asunto que cuantifica no 12 % a redución da oferta de frecuencias ferroviarias en Galicia con respecto aos servizos dispoñibles antes da pandemia. E a seguir, albízaras!, o presidente Alfonso Rueda denunciou que «non ten sentido estar fomentando o uso do transporte ferroviario e por outra banda suprimir frecuencias», ao tempo que puxo o seu foco nos servizos do EA que «non cubre as demandas dos usuarios». Mentres, Néstor Rego, deputado do BNG presentou no Congreso unha serie de preguntas sobre atrasos, incidencias, avarías e falta de prazas nos servizos ferroviarios en Galicia, reclamando ao Goberno de España a súa «disposición a aumentar as frecuencias nas franxas da mañá, do mediodía e última do día» para satisfacer ás necesidades das viaxeiras, así como a continuidade dos bonos gratuítos e un maior diálogo coas plataformas de persoas usuarias que desde hai tempo se mobilizan en Galicia reclamando a mellora dos servizos.

Reclamacións ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana e a Renfe, ás que se engaden o atraso de tres anos da chegada prevista dos trens Avril fabricados por Talgo á Coruña e a Vigo, que aforraría vinte minutos a viaxe a Madrid desde Urzaiz, prometida agora para o primeiro trimestre de 2024. Solución ao déficit de prazas do EA, que pasaría por unha revisión do contrato de Obrigas de Servizo Público, asinado en 2018 por Renfe. Secasí, polas informacións que lemos en Faro de Vigo, fontes do ministerio declaran que non está prevista a ampliación de frecuencias no EA, na que é a segunda liña de Media Distancia máis usada de toda España (2.528.858 asentos ocupados), mesmo a pesar das demoras endémicas (case de 15 minutos) e numerosas incidencias. Liña do EA que é a primeira de Renfe cun maior uso por praza empregada, mantendo un crecemento de usuarios espectacular do 23 % (con respecto ao ano récord 2019), freado na actualidade, en pleno éxito dos bonos gratuítos, pola falta de asentos e frecuencias.

Que facer, entón, para superar as limitacións do servizo actual dunha liña ferroviaria (EA), que non é deficitaria para a concesionaria e resulta estratéxica para a mobilidade interurbana na Galicia atlántica? É razoable que o Ministerio de Transportes deixara a Galicia fóra da creación dos novos servizos ferroviarios de proximidade en liñas xa explotadas en Madrid e Andalucía? Non sería posible montar en Galicia un servizo de tren de proximidade («cercanías») nas áreas metropolitanas de Vigo-Pontevedra, Santiago e A Coruña-Ferrol? Non podería estudarse o plan de mobilidade ferroviaria para Galicia, presentado recentemente por CC.OO. coa intención de reducir a dependencia do automóbil, que propón conectar a 70 localidades galegas, aproveitando 61 estacións e apeadoiros, por medio dun Tren rexional (electrificado) circular e transfronteirizo para Galicia combinado co transporte por estrada? A que agardan a Xunta de Galicia, as catro deputacións, os concellos das sete cidades para coordinar as súas reclamacións a Renfe e ao Ministerio de Transportes? Pode agardar resignada a sociedade galega a poder perder o futuro do seu tren?