Onte 467: Antón Patiño fala das “voces baixas” de Rivas

Manuel Rivas estivo toda a tarde en Librouro, a veterana libraría viguesa creada por Antón Patiño, o libreiro da memoria de ferro. Despois de asinar exemplares, realizou unha lectura de dous capítulos d’ As voces baixas, que foi precedida por unha intensa intervención do pintor e ensaísta Antón Patiño (fillo).

Patiño comezou definindo As voces baixas como un “libro histórico. Un libro que ten a intensidade das mellores obras de Manuel Rivas, un libro que ten tamén algo único, xa que non tivo que separarse do espazo familiar. Ten algo novo, xa que apreixa un relato que non lle é alleo a súa experiencia”. “Manuel Rivas ofrece un álbum familiar, onde a memoria ten dimensión comunitaria, transpersoal. O autor botou man dese lugar máxico, ese paraíso esquecido de Monte Alto e logo desa casa prendida no ceo de Elviña. Aquí as imaxes son relampos na néboa do esquecemento. Cada palabra está imantada, reververa sobre o silencio, ten o ADN libertario e republican dos libros de Rivas”.

Continuou Patiño dicindo que “o libro está atravesado polo loito dos seres queridos, mais tamén polo humor. A figura do pai, retranqueiro, como un pensador presocrático. A nai, unha muller que non puido ter o luxo de estar enferma. Seres loitadores moi apegados á natureza.” Despois salientou “a paciencia coa que o escritor agardou pola palabra precisa para representar este mundo”, así como “que lle parecía imposible pensar este libro sen lembrar ao fotógrafo Virxilio Vieitez. As voces baixas é un documento antropolóxico de nós, da Galicia daquel ano 57, no que naceu Manuel Rivas, o mesmo ano no que Manuel Ferrol realizou na Estación Marítima da Coruña, un día concreto, a súa famosa fotografía da Emigración”.

Patiño referíuse despois á presenza da melancolía no libro, “a señardade é unha lente de aumento, unha lupa, que no eido emocional queda representada por unha bágoa vidrosa. Non podemos separar esta literatura do corpo, das emocións, dos cronotopos. Estamos atravesados por relatos. As voces baixas comeza de forma maxistral co primeiro medo, literatura expresionista da nova obxectividade, dunha nova realidade, semellante á pintura de Maruja Mallo ou Urbano Lugrís. O libro treme dende a primeira páxina, constitúe unha chamada decisiva da gran literatura, que marca o ton de todo o relato. Aparece o estrañamento, o inhóspito, a prensenza do totalitario”. “Neste libro está isto e moitas cousas máis. A memoria colectiva. A aldea urbana, aldea oceánica, anfibia. O libro é unha auténtica caixa de sorpresas, onde hai un importante inventario de perdas. Como está moi pigmentado de pintura e da presenza de animais. Estilisticamente hai unha economía expresiva comparable á de Rulfo, Beckett, Cunqueiro ou o mellor Castelao narrador. Non hai dúbida que Manuel Rivas é un escritor de liña clara, o que o vincula a Tintín”.

Rematou Antón Patiño dicindo: “As voces baixas é un libro onde todo ten un recendo táctil, matérico. Unha marabilla”. “Manuel Rivas é un escritor postvangardista. Leva anos constituíndo a comunidade do pobo da noite, onde gravitan voces e sombras protectoras, que debuxan unha cartografía simbólica. Aquí, nestas voces baixas atópanse moitas das claves de toda a obra de Rivas”, foron as súas últimas palabras.

Hoxe Rivas estará en Ourense e mañá en Pontevedra, onde asinará exemplares e realizará novas lecturas d’ As voces baixas.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *